domingo, 16 de octubre de 2011

Tema 1. Documental: Un ano sen petróleo

FICHA TÉCNICA DA PELÍCULA

Título: Recipes for disaster (Un ano sen petróleo)
Ano: 2008
Duración: 63 minutos
País: Finlandia
Dirección: John Webster
Produción: Kristiina Pervilä
Fotografía: John Webster, Tuomo Hutri
Idiomas: inglés/finlandés
Web: recipesfordisaster.info





Tamén podes descargalo dende aquí: http://www.megaupload.com/?d=SV5OAW1H
SINOPSE ARGUMENTAL

A familia Webster proponse un obxectivo que a simple vista parece case imposible de realizar: vivir un ano sen consumir produtos derivados do petróleo.

Tras unha difícil decisión inicial, os Webster (pai, nai e dous fillos) comezan a prescindir de todos aqueles obxectos de consumo que, nalgún momento da produción, utilizaron petróleo para a súa fabricación.

Os Webster non tardan en descubrir as dificultades ás que se enfrontarán no seu propósito. Encontrar algúns produtos que non estean envasados en plástico convértese nunha tarefa de detectives; deixar de utilizar o vehículo privado ocasiónalles varios trastornos; e ata a fabricación caseira de dentífrico provoca un pequeno conflito familiar...

O resultado final do seu empeño é un documental que nos invita a reflexionar sobre as causas máis cotiás do cambio climático, á vez que expón con sinxeleza as solucións que si se encontran ao alcance das nosas mans, e que por preguiza ou falta de conciencia non nos decidimos a afrontar.

O documental está formulado coma se se tratase dunha receita de cociña, e utiliza moitos recursos humorísticos que converten o seu visionado nun momento ameno e divertido, sen que iso lle quite un ápice de impacto.
1. Por que cres que a película comeza cunha referencia directa aos antepasados do ser humano?
2. Analiza a seguinte frase: "Como é que, sabendo o que teño que facer, fago algo completamente diferente". Aconteceuche algo parecido nalgún momento? Baixo que circunstancias? Cal foi finalmente o teu comportamento e por que?
3. Ao principio do documental relátanse os costumes cotiáns, de ocio e de consumo, que a familia Webster está a punto de deixar atrás. En que se parecen e en que se diferencian das da túa familia? Tras analizalas, cres que o teu comportamento é ambientalmente responsable?
4. Coñeces algún amigo ou familiar que faga ou fixese unha "dieta de petróleo" como a da familia Webster? Cales foron os resultados?
5. Que reaccións che produce a escena na que a familia Webster se despide do coche?
6. No documental achéganse os seguintes datos: a capacidade de rexeneración do noso planeta soporta 3 toneladas de emisións contaminantes por persoa e ano; en Francia, esta relación é de 6 t/persoa/ano; en Gran Bretaña, de 10 t/persoa/ano; en Finlandia, de 13 t/persoa/ano; e en Estados Unidos, de 20 t/persoa/ano. Sabes cal é esta relación en España? E nos países en vías de desenvolvemento? A que cres que se deben estas diferenzas?
7. Analiza a seguinte frase: "As cousas de todos os días: o colexio, os traballos, as afeccións, o supermercado, estaban desperdigadas por todos lados". Acontece o mesmo no teu caso? Que alternativas se che acontecen a esta dispersión?
8. Por que cres que o pai de familia decide dicir que é alérxico ao plástico en lugar de explicar aos demais o seu labor? A partir desta reacción, explica as diferentes actitudes do home e da muller. Por que crees que a ela avergóñalle participar desta idea?
9. A familia Webster acaba utilizando a "electricidade verde" para quentar a súa vivenda. Que sabes acerca da chamada "enerxía verde"? Realiza unha busca en internet para coñecer o caso da empresa Electra Norte e o seu proxecto de "electricidade verde".
10. Por que cres que a nai rompe o pacto familiar e lle compra ao fillo unha bolsa de lambetadas para celebrar o aniversario dun compañeiro de escola? Non cres que o teu centro escolar é un bo lugar para introducir accións deste tipo? Coméntao cos teus compañeiros e organizade unha festa de aniversario libre de petróleo en horario de recreo.
11. No documental menciónase a Rudolf Diesel en relación co seu principal invento, o motor que leva o seu apelido. Descobre máis sobre a figura deste científico alemán e sobre a súa misteriosa morte.
12. Cando a familia Webster compra o coche enerxeticamente eficiente descobren un adhesivo que di: "No war required". Sabes que significa e qué relación pode ter cos biocombustibles?
13. Sobre a base dos datos subministrados no documental, calcula o equivalente ao uso do coche das túas viaxes en avión.
14. Sobre o final do documental, a familia Webster fai inventario do aforro enerxético que produciu a súa aposta.


CONCEPTO e PORCENTAXES
Electricidade100%
Plástico97%
Barco97%
Coche 87%
Viaxes61%
Calefacción20%
Comida: 17%
Auga quente 0%
a. En total, aforraron case dez toneladas de emisións contaminantes. Cres que foi suficiente? Pensas que o esforzo pagou a pena? Xustifica a túa resposta.
15. Analiza a frase: "O noso maior logro foi vivir máis devagar".
16. Por que cres que o documental está dedicado á memoria de "os invernos da nenez"?

No hay comentarios:

Publicar un comentario